HISTORIA

§  HISTORIA DA PARROQUIA
(Boiro, Concejo Gallego 1984 - Juan Manuel Ríos Pérez)
§  ANACOS DA HISTORIA: LOUREDA
(Por Antón Vidal, SOCAIRE núm.9)
§  MAIS SOBRE A HIPÓTESE DE LOUREDA
     (Por Miguel Lomba, fontes varias)
§  ESQUEMA POBOACIONAL - RESEÑA XEOGRÁFICA E HISTÓRICA
(Por Roberto M. Chao Gavilán, no libro "POLICROMIA URBANA EN CABO DE CRUZ")
§  (…)

 



HISTORIA DA PARROQUIA DO CASTRO


En Abril de 1640 un grupo de veciños da “Insua de Abaixo” solicitoulle licenza ó Arcebispo para construír unha ermita baixo a advocación de “Nuestra Señora de la Natividad”. Sen embargo hai a posibilidade de que esta fora anterior a esta data posto que temos constancia do encargo dunha cruz de prata para unha igrexa no ano 1574 que se chamaba “Iglesia de Santa María de Castro” por parte do seu párroco, Juan Yáñez de Parga. Non se sabe a situación xeográfica de dita igrexa, pero ben podería se-la nosa.
Asumindo que a solicitude foi certa, a mesma fonte di que a licenza foi concedida “con la prohibición de celebrar enterros y bautismos, autorizando oficialmente la prerrogativa de poder decir Misa los días festivos después de la iglesia parroquial”.
Dúas particularidades máis son as de que hai constancia de enterramentos anteriores a 1929 no camposanto do Castro, co que ven puideran ser sen permiso do arzopispado. E a outra é que existe unha rocha chamada “a pedra da cruz” na praia de Rebordelo que ten un orificio onde os mais vellos do lugar din que alí había unha cruz. E en ela facíase unha parada para rezar cando se levaba a un cadáver a enterrar a Boiro. Si esto era certo podemos observar como subiu o nivel do mar, xa que antes había camiño polo que hoxe e praia sumerxida (tamén se di que se levaban as vacas a illa A Benza (ou Benencia) por onde hoxe temos mar.
O presbítero don Francisco Vázquez Somoza, axudado por varias familias da “Insula”, conseguirá do Cadernal Payá Rico a calificación de Ayuda de Parroquia para a capela do Castro, debendo ser conducidos a Boiro os cadáveres para o seu enterro.
Houbo que esperar a 1929 para que a capela do Castro ascendera canonicamente de “Ayuda de Parroquia” a “Parroquia” grazas ós trámites do coadxutor don Manuel Otero e dos conveciños. Aparece, así “Santa María de la Natividad del Castro, de Cabo de Cruz”.
O carácter marítimo da nosa vila, xunto ca devoción a Virxe do Carme, empuxou ós veciños a construción da Capela do Carme no ano 1960, sendo bendicida polo Cardinal Quiroga Palacios.


ANACOS DA HISTORIA: LOUREDA


Neste breve traballo, imos falar sobre unha cuestión que afecta ó pasado do noso Pobo: ¿Loureda era un nome normal do noso pobo? ¿Estaba este nome documentado ou só era unha denominación que os pobos dos arredores usaban de maneira despectiva para referirse ós veciños e veciñas do Cabo da Cruz?
A primeira proba da normalidade e legalidade do nome de Loureda déunola a existencia dun letreiro que estaba na parede da casa dos de Adolfo de Ríos. As persoas que lembran o letreiro non coinciden de modo exacto no texto: uns din que poñía LUGAR DE LOUREDA e outros que poñía LUGAR DE LOUREDA – PESQUEIRA.
A consulta e análise de documentos tales como operación de compravenda, deslinde de leiras, demandas xudiciais, embargos, tomas de posesión e outros, permite afirmar que Loureda era un nome normal e normalizado no noso pobo e que convivía ca denominación de “Cabo de la Cruz”, nome este máis amplo que comprende ós demais lugares do noso pobo.
As referencias e citas textuais de Loureda aparecen no encabezamento dalgúns dos documentos: “En el lugar de Loureda Partido de la Insua a los cuatro días del mes de Junio del año de mil ocho cientos veinte y ocho…”. Esta é a data máis antiga na que aparece o término de Loureda nos documentos estudados e aparece escrito en dezaoito máis entre tódolos examinados.
Lembramos tamén que neses anos, o noso pobo pertencía ó “Partido de la Insua, Jurisdición de Rianjo, Parroquia de Santa Eulalia de Boiro” tal como se cita nun documento datado do 24 de febreiro de 1830.
O nome de Loureda déixase de usar nos documentos a partires do ano 1884. A última cita é nun documento datado do 14 de febreiro de 1884 onde aparece xunto con Cabo de Cruz, pero por separado: “En el lugar de Loureda, parroquia de Santa Eulalia de Boiro…”. Nos documentos dos anos seguintes cítase case sempre a Cabo de Cruz.
Aínda que nos documentos non se sigue usando a denominación de Loureda, na fala pervive durante moito tempo, ata que se perde aló polos anos corenta como consecuencia da forma despectiva ca que a xente dos outros usaba o xentilicio “louredán” e que levou ós veciños de Loureda a renegar deste nome.
Hoxe, uns poucos veciños e veciñas de Loureda cremos que se debe usar e usamos este nome con agarimo e respecto a unha parte da nosa historia como pobo.



MAIS SOBRE A HIPÓTESE DE LOUREDA


A raíz do artículo de Antón, e despois de que a comisión de festas do Carme 2.004 publicara dito artículo na revista que anunciaba o programa, recibimos comentarios dalgún dos nosos maiores.
Antes de continuar, dicir que grazas ó gran traballo feito pola directiva da Unión que presidiu Angel Torrado, na elaboración do rueiro da parroquia, de seguro que isto fará perdurar os nomes antigos.
Un veciño comentou que non se explicaba como alguén podía dicir que na casa dos de Adolfo de Ríos poñía Lugar de Loureda – Pesqueira, xa que el recordaba perfectamente que só poñía Lugar de Loureda; e referíase ó conxunto de casas que ían desde o cruce de Curbera ata o cruceiro da taberna de Guillerma. O camiño vello para ir a Pesqueira era atravesando Loureda (por detrás da de Pais, e pola porta do Cunqueiro, hasta chegar a de Nila) ata despois da guerra civil, que se abriu o camiño novo que hoxe en día é a estrada principal e que vai por diante do Mavi.
Desde a barbería para abaixo ata o río da fonte e ata o peirao era, e aínda é, a Pesqueira, nome que aparece nos mapas antigos. Tamén nos dixo que desde o outro lado do río ata “O Petón” chamábase “A Banda do Río” que deu hoxe en día en Bandeorrío.
En canto o nome do “Campo” di que é bastante recente posto que non había máis que un par de casas a principios de século (estaba todo a campo); ó igual que a Preguiza que tamén é nome novel.
Despois preguntámoslle polo inicio do nome de Cabo de Cruz, sendo a súa resposta a de que foi un mestre “Don Benito Lomba”, tamén perito mercantil experto en disputas de lindes, quen repuxo (xunto cos seus alumnos) a cruz do campo, como consecuencia de rumores de que xa existira unha cruz de pedra naquel punto (desta vez de cemento); e foi Don Benito, o que dixo que había que poñer un nome xeral que englobara a tódolos núcleos da zona sur da Ínsua de Abaixo, así mesmo tamén se ocupou de que dito nome fose incluído nos rexistros e mapas. O nome elixido foi “Cabo de Cruz”, procedente do nome do cabo “Cruz”, que podemos ler no mapa antigo de Galicia. Este nome non foi antollo do mestre, senón que o suxeriu porque xa viña aparecendo escrito nalgún que outro documento de compravenda, como ben dicía Antón, pero o parecer era sempre como referencia xeográfica e non como nome civil do pobo. Esto último foi corroborado por algún dos seus alumnos coma foron “O Ferreiro” e “O Barón” que en paz descansen, aínda que estamos desexando que se debata máis sobre o tema e recorramos a historia ó revés hasta chegar, se cadra, ó Castro do Achadizo.
Por certo, vai unha anécdota sobre D. Benito; sei que o Barón foi o único dos alumnos de Don Benito, que non aprendeu a ler posto que era o que lle facía de comer, e polo tanto non lle podía cascar cando non sabía a lección, xa que senón, non comía.



ESQUEMA POBOACIONAL - RESEÑA XEOGRÁFICA E HISTÓRICA


Particularizando na historia da ocupación territorial do núcleo de Pesqueira – Cabo de Cruz, existen varias etapas de ocupación territorial:
1.       Existe constancia da existencia dun castro da idade do Ferro na zona da península do O Campo (zona de O Achadizo), que polas análises do concheiro atopado, tiña certa importancia. Este recinto fortificado da Idade de Ferro pertence ao tipo de castros denominados costeiros. A súa aparencia está moi desfigurada polo barrio construído sobre gran parte do xacemento. Parcialmente escavado en 1992, sacáronse a luz varias esculturas arquitectónicas de carácter habitacional e resto da muralla pétrea. Estes vestixios foron consolidados, sinalizados e integrados nun área pública de esparexemento.
2.       Abandoado este emprazamento, o segundo núcleo desprázase 500m ao norte, formando a aldea da Pesqueira, xunto con outro núcleo menor cun casarío vinculado á denominada “A Torre de O Petón” (posiblemente medieval), a 300m ao leste da aldea anterior.
3.       Co comezo de industrialización de finais do S. XIX e a construción das fábricas de Curbera no borde marítimo (oeste do alto da Perguisa) desenvolveuse un viario pola costa no cal se comeza a construír a ambos lados, situando a capela do Carme a medio camiño entre a aldea de Pesqueira e a fábrica de Curbera.
4.       O seguinte paso é o crecemento que, a partir dos anos 30, se sitúa a o longo da estrada a Boiro (CP-1105) sobre a ladeira sur da Perguisa (cara ao porto vello), culminándose nos anos 50 do século pasado cunha actuación unitaria de vivendas unifamiliares na zona de O Campo, sobre o antigo castro.
5.       Potenciado polo crecemento da actividade mexilloeira e conserveira (implantáronse dúas novas conserveiras), e vinculado ás sucesivas ampliacións do porto nos anos 70 e 90, o núcleo comeza expandirse a través da CP-1105 con bloques plurifamiliares de 4 plantas que desvirtúan a forma tradicional de construción. Este desafortunado crecemento agrávase a partir da construción dos viarios á praia de Carragueiros nos anos 1994 a 1996, que unidos á esaxerada construción desta última década, leva a finalización dunha forma de construír adaptada ao contorno substituíndoa pola simple volumetría especulativa, sen ningún espazo público nin viarios con lugares de relación social e cunha degradación total da liña do ceo clásica do núcleo (existen varios bloques de 4 plantas no medio de vivendas unifamiliares) resultando dunha incapacidade de xestión das autoridades competentes.


Entrada Máis Popular